luns, 28 de setembro de 2009

O venres foi un bo día.

O venres pasado comezaron moitas cousas na Biblio: Para algúns foi o seu primeiro día como usuarios: eu estaba encantado de velos felices co seu carné, co seu primeiro libro para a casa, firmando no libro de visitas da Biblio...
Outros amosáronse como usuarios expertos, moi autónomos eles.
Velos a todos foi moi agradábel!


Ademais, nese día botou a andar o que será o primeiro proxecto compartido do curso: Xentes como folerpas.
Queredes saber de que vai?


martes, 22 de setembro de 2009

Carnés novos.



Hoxe todos na escola recibimos un agasallo do Rato:
O venres a Biblio abre as súas portas ao préstamo neste curso e nós iremos alí... cun novo carné nas mans!
Foi unha sorpresa que tivemos hoxe e que gustou moito a todos. Xa estamos fervendo por usalo!!
Ademais sabemos que o Rato anda tecendo nun novo tema para traballarmos xuntos neste trimestre. Cal será? Nos expositores do vestíbulo hai xa moitos libros que comezan a darnos algunha pista.
Axiña habemos ter novas. Seguro!

venres, 18 de setembro de 2009

Viviño...e traballando!!



OLAAA!
Pensabades que me fora para sempre? Pois non!
Xa estou aquí, de volta das vacacións e levo uns días trafegando na Biblio... e preparando algunha sorpresa para todos.
Polo de pronto, comunícovos que todo está xa listo para comezar co préstamo, así que a semana próxima...DESPEGAMOS!

Hoxe, ademais de saudarvos a todos, quero amosarvos un agasallo que tivemos: Marta, unha das miñas moitas amigas, deseñou para nós dous logotipos, un para a Biblio e outro para o colexio. Queredes velos? Pois, aí van:











Son moi bonitos, non si??
GRAZAS, Marta. A nós gústannos moito!!

martes, 23 de xuño de 2009

Mateus marcha cara o bosque.


Amigas e amigos:
Chegou o momento do verán: teredes tempo de soñar con todo tipo de aventuras, de comprobar como brillan as torres e luces que aprendestes a amar, e, por suposto, de bailar e ler todos os libros para os que non tivérades tempo até agora.

Saúde para todos!!!

venres, 19 de xuño de 2009

A Xosé Ballesteros.

Vaia momento o do mércores!!

Xosé Ballesteros Rei, facendo honor ao seu apelido, no Trono das palabras; unha morea de nenas, nenos e mestres pasmados e felices... e un servidor, o Rato, relambéndose de satisfacción!

Abaixo deixo unhas imaxes que queren amosar o imposible: os momentos de ledicia que Xosé nos agasallou, coa súa presenza amable e a súa inmensa mestría.
Claro que, polo que este Rato viu, el tamén disfrutou cos animais imaxinados polos maiores, o coelliño branco dos nenos do primeiro ciclo e mesmo, coas sabias recomendacións dos pequechiños sobre os libros que deben manterse sempre publicados.

GRAZAS, Xosé, por facer que o último conto do curso na Biblio, fose un dos mellores do ano.










venres, 12 de xuño de 2009

Unha Hora do Conto moi especial

Canto disfrutei hoxe mirando desde o meu buratiño!!
Os que van ser os pequechos no curso que vén, asistiron a unha Hora do Conto pensada para eles.
Mirádeos nas imaxes, atendendo estupendamente, moi arroupados polos alumnos experimentados, que xa teñen catro anos, e participando na historia coas súas maíñas levantadas.
Sede moi benvidos, pequechos!




mércores, 3 de xuño de 2009

Escenas de festa.

Velaí momentos dos vividos o venres, na festa que puxo fin ao proxecto Aluméame.