xoves, 14 de maio de 2009

VexetArte.








Dentro do proxecto sobre vexetais que están a desenvolver en Infantil e entre outras actividades, onte puiden contemplar estampas como as que amosan estas imaxes.
Alimentados coa imaxinación doutros, os pequechos deixaron voar a súa... e velaí o resultado.
No fin da xornada estaban tan satisfeitos que arrastraron ás súas familias para que visen o seu VexetArte.





mércores, 13 de maio de 2009

Historia da Torre de Hércules.




Neste proxecto de Aluméame, todos no colexio temos recibido dous cadernos monográficos nos que traballlar: nun arredor da Torre de Hércules e noutro coa figura de José Cornide.
Para o primeiro, que recolle lendas, poemas e a historia do noso faro, os rapaces de 5º e 6º fixeron un traballo hai xa unhas semanas e que agora está a disposición dos seus compañeiros máis pequenos. As fontes informativas sobre a historia da Torre non son moi asequibles para nenos de curta idade, pero este texto elaborado por eles é máis sinxelo.
Ademais, os maiores fixeron unha exposición oral na que explicaron os contidos do seu traballo, servindo así eles mesmos como fonte informativa para os demais.



martes, 12 de maio de 2009

A Biblio ule a repolo.

Nestes días desde o meu burato estou a percibir distintos aromas na Biblio, que me obrigan a saír correndo, morto de curiosidade: uliume a moito libro novo...ummm, hainos preciosos!!

Pero onte uliume...a repolo fresquiño!!
Mirade o que atopei: todo preparado na Biblio para que en Infantil comecen cun proxecto sobre vexetais.
Unha chea de recursos... moi ben seleccionados, non si?




luns, 11 de maio de 2009

Pepiño, o grilo.

Pepiño, o grilo, chegou de Portugal un día de primavera no curso pasado. Viaxou desde aló no coche da profe Ana e viviu unhas semanas na aula de 1º e 2º, recibindo todos os coidados dos nenos e nenas. Agasallounos a todos os que nesta escola vivimos co seu fermoso canto, improvisado a calquera hora do día...e sen ter en conta a actividade que estabamos a realizar. Non nos importaba: encantábanos escoitalo.
No mes de xuño, tras comprender que por moito agarimo e vexetal que lle deramos, a gaiola e a escola non eran lugar para el, os nenos ceibárono no campo, despedídoo co son de Ai Pepiño, adiós.

Hoxe, despois dun ano, Pepiño volveu a visitarnos. Apareceu na súa gaioliña e na mesma aula. Os pequenos recoñecérono ao momento: é Pepiño, é Pepiño!!

Prometemos coidarte, Pepiño, xa que volviches a visitarnos. Prometemos tamén, volverte a ceibar.

xoves, 7 de maio de 2009

Coa luz de catro sentidos.













Nestas semanas en que tanto levamos aprendido sobre luces, non podemos esquecer ás persoas que se ven privadas da vista e alumean a súa vida coa forza doutros sentidos.
Pensando nelas, limos estes dous fermosos libros e, na aula de 5º e 6º, estamos a traballar cun deles, que comeza así: Para Tomás, el color amarillo sabe a mostaza, pero es suave como las plumas de los pollitos.
Hoxe amosamos o que van ser algunhas páxinas de... O noso libro negro das cores
E a ti? a que che sabe a cor verde? como ule a cor azul?