luns, 12 de decembro de 2011

CONVIDADOS QUEDADES!

                                                                                                                                                                          
Para rematar co tema Feminino Singular que foi o escollido para este trimestre, faremos unha festa adicada a todas as mulleres, e demáis membros das familias. Os nenos contaranvos todo o que aprenderon e poñerán todo o seu entusiamo e o seu arte para que o pasedes estupendamente.

 

Quedades todos convidados!

luns, 5 de decembro de 2011

UNHA CIENTÍFICA... ÁNGELES CID





O venres 2, visitounos unha muller cun traballo  moi interesante. É bióloga e profesora na universidade .
 E temos que dicir que é unha gran ensinante, porque a súa explicación foi a un tempo divertida e instructiva, e deixounos con gañas de saber moito máis.
Falounos dos microbios, que é a súa especialidade, e tróuxonos mostras dos cultivos cos que investiga,  e para rematar, leunos un conto moi especial: o seu autor é un premio Nobel, que lle contaba desta maneira ao seu fillo como son os microbios.
E foi tan estupenda con nós que nos regalou o libro e algúns cultivos para que os miremospolo microscopio.




 ALGÚN DESTES NENOS SERÁN CIENTÍFICOS  E ATA TEREMOS ALGÚN PREMIO NOBEL
(palabra de Rato)




luns, 28 de novembro de 2011

TRABALLANDO CON ROSALÍA...

Estou abraiado vendo con que entusiasmo están os nenos do colexio aprendendo cousas de Rosalía de Castro.

O venres 25, a rapazada de 1º ciclo deu unha clase maxistral, explicando a vida da nosa autora máis querida e recitando algunha das súas poesías.

Nesta foto podedes ver aos artistas co cartel que anunciaba a súa actuación, e o orgullosos que quedaron cos aplausos recibidos.


E tamén os de 3º ciclo , decidiron facer de poetas, e crearon entre todos unha poesía adicada a Rosalía que escribiron no seu caderniño Feminino Singular.

Aquí vola deixo para que disfrutedes dela:


A ROSALÍA DE CASTRO

Tan delicada como unha rosa,
en Santiago floreciches;
as campás choraron,
cando en Padrón morriches.
 
Anos felices,
con Murguía viviches,
e cinco fillos con risas,
encheron os teus días.
 
Galicia na túa mirada,
as xentes na túa alma,
sempre loitando
máis o corazón chorando.
 
A negra sombra que nunca se foi,
contigo estivo ata o final,
enchendo de soidades e tristura,
a túa alma inmortal.

Alumnado do 3º ciclo

xoves, 24 de novembro de 2011

Visita de Xiana de la Peña

Amigas e amigos:
O pasado venres 18 de novembro estiven agochado detrás do proxector para ver as fotos que nos ensinou unha amiguiña do Rato, Xiana de la Peña. A verdade é que quedei ben contento de estar alí, porque o Rato xa me comentara que a coñecera na Biblioteca do Fórum Metropolitano, onde traballa. É ben lindo saber que unha rapaza como ela é capaz de facer o que máis lle gusta, tanto a fotografía como a música, e, ao tempo, ter sido capaz de conseguir, tras moito esforzo, traballar no que sempre quixo, entre libros e soños, para que todos nós poidamos disfrutar do seu saber e da súa arte. Un pracer escoitarte e ver as túas fotos, Xiana!! Se queredes ver grande parte das súas obras, aquí as tedes.

luns, 21 de novembro de 2011

UNHA GALEGA UNIVERSAL: EMILIA PARDO BAZÁN



Picade no nome para saber moito máis de Emilia Pardo Bazán

Para que coñezades mellor e poder valorar o que representa na cultura e na literatura unha muller adiantada no seu tempo, feminista, progresista, coruñesa...amiga das máis importantes personalidades da súa época, aquí vos deixo un vídeo feito por uns rapaces falando dela.




mércores, 9 de novembro de 2011

UNHA EIRUGA MOI LARPEIRA...E VIAXEIRA!




O venres 4 tivemos unha sesión do conto moi especial.

 Aproveitando que temos unhas rapazas alemanas que viñeron a estar con nós e aprender cousas de aquí, eleximos con elas un libro que é moi coñecido en todo o mundo e lido en moitísimos idiomas.

O autor é o noso vello amigo Eric Carle e a historia trata dunha fémina que ten moita fame e lle acontece algo moi fermoso. Así que o escoitamos en galego, inglés e alemán, coa axuda das nosas amigas alemanas Katharina, Lisa e Laura.

De regalo, déixovos un vídeo que resume o conto coas imaxes orixinais do autor.

martes, 8 de novembro de 2011

Maruja Mallo

Amigas e amigos:
Unha das grandes mulleres do pasado século XX foi Maruja Mallo, que se elevou sobre todos os prexuízos que existían sobre a muller, e foi capaz de facer unha obra artística de grande nivel. Ainda que viviu 93 anos, nunca deixou de soñar e ser unha pequena nena grande, cos ollos sempre atentos a todo o que a rodeaba, o que non deixa de ser unha das mellores cousas que todas e todos vós debedes facer sempre, teñades a idade que teñades, non vos parece? Aquí vos deixo este vídeo con moitas das súas obras, para que disfrutedes ben dela:

mércores, 2 de novembro de 2011

MULLERES QUE METEN MEDO!


O venres 28 foi o día de pasar medo. Cando os nenos chegaron á escola, o vestíbulo estaba terrorífico. O escenario cheo de cabazas-mulleres cun aspecto aterrador, na pantalla imaxes arrepiantes, lóstregos, tronos, morcegos e esqueletos,e escoitábase unha música que poñía os pelos de punta.
E ata Faustino, o nosos esqueleto, puxo unha perruca e quixo participar na festa de Difuntos, o Samaín.
Aquí vos deixo as imaxes dese día e dos seus preparativos.                 

martes, 25 de outubro de 2011

'Chocolata', de Almudena Janeiro

Amigas e amigos:
Desde o Bosque onde estou levo observado como moitas mulleres nos teñen enriquecido a todas e todos coas súas artes, saberes e soñares. O Rato e mais eu cremos interesante que vexades e comprobedes que as mulleres aportan sempre máis luz ao desenvolvemento da humanidade toda, facendo o mundo moito máis acolledor e cercano. Elas poden ser, e xa son, científicas, poetas, bombeiras, músicas, avogadas, magas, médicas, novelistas, profesoras ou pintoras, entre outros moitos exemplos. Hai pouco deixeivos aquí o de Guadi Galego, e agora déixovos este vídeo de Almudena Janeiro, co seu Chocolata. A cantar e bailar!:

xoves, 13 de outubro de 2011

Amigo Rato:




Alégranos moito comprobar a boa relación que tes coa Ratiña presumida. Recollemos a suxestión que facedes sobre o proxecto protagonizado por mulleres e contando, por suposto, co teu apoio e colaboración ( moitas grazas polos libros que colocaches nos andeis do vestíbulo e que tentaremos incrementar) imos comezar un novo proxecto ao que temos decidido chamar FEMININO E SINGULAR.
Ata decembro imos aprender o importante papel que o xénero feminino desenvolveu e desenvolve na sociedade e tamén realizar un traballo que recolla a singularidade dalgunhas protagonistas da nosa historia.
Desfrutaremos lendo a Rosalía e Emilia Pardo Bazán, gozaremos coa obra gráfica de Maruxa Mallo, sorprenderémonos coa audacia de Sofía Casanova e descubriremos personaxes tan descoñecidos como Concepción Arenal, que foi quen de se vestir de home para asistir ás clases de Dereito na Universidade polo ano 1841.

luns, 10 de outubro de 2011

Fomos á biblioteca e visitamos á Profe Bea



O día 5 de outubro os nenos e nenas do 1º ciclo fomos á biblioteca da Sagrada Familia.


Alí escollemos os libros que máis nos gustaron para a hora de ler no colexio.



Aquí tedes a selección que fixemos e as mochilas especiais para traelos.





De camiño aproveitamos para visitar á profe Bea, que nos ensinou o seu cole novo e se puxo moi contenta de vernos.

Moita sorte profe Bea!




mércores, 5 de outubro de 2011

Canción de arrolar, con todo o cariño


Amigas e amigos:
O Rato e eu andamos moi contentos ao ver que seguen nacendo irmás e irmáns de moitos de vós. É unha delicia vervos coidando deles, axudando aos vosos pais a atender e protexer a quen é agora como fostes vós mesmos hai moi poucos anos. Ben seguro que dentro de pouco andarán por aquí, no cole, buscando soños na biblioteca, consellos de Ana, Beatriz ou Marisol, ou preguntándolle a Jose como é que sabe debuxar tan ben! Así que, aproveitando que ELAS SON AS PROTAGONISTAS déixovos aquí este vídeo cunha canción para arrolalos coa voz de Guadi Galego, capaz de reter o sol na súa gorxa e facer que ande sobre os nosos soños:


E, por suposto, parabéns aos que tivestes e teredes irmás ou irmáns!!!

venres, 30 de setembro de 2011

PROTAGONISTAS... ELAS!


O outro día fun de compras coa miña amiga a "Ratiña Presumida" que quería un laciño da nova colección outono-inverno da moda galega.

Contoume que botaba de menos que neste cole fixeramos un achegamento a historias, poemas,cancións... onde o XÉNERO FEMININO fora o protagonista.

Daquela, fixen unha selección dos nosos libros, para poñer na entrada do cole, nos que as protagonistas son ELAS!

Espero que vos guste. Escribídeme outros títulos que vós coñezades.

martes, 20 de setembro de 2011

O primeiro conto compartido deste curso


O pasado venres escoitamos todos xuntos o conto dun pirata un pouco trapalleiro. É un vello amigo que fixo rir moito aos nenos.

xoves, 15 de setembro de 2011

Benvidos a esta nova travesía!


Amigas e amigos: aquí vai esta canción sobre o Pirata Metepata, de Mamá Cabra. Benvidos a bordo desta nova travesía polo coñecemento e a curiosidade, que vos traerá sorpresas e moita sabedoría, ben seguro. Déixovos esta pequena xoia para ir disfrutando!



Unha aperta ben grande de Mateus!

luns, 12 de setembro de 2011

COMEZA UNHA NOVA TRAVESÍA


Estou feliz !Hoxe chegou a miña tripulación. Teño grumetes de infantil, marinería en 1º e 2º ciclo,e oficiais no 3º ciclo que marcarán o rumbo.
Faremos viaxes por mares e terras, coñeceremos xentes e lugares, aprenderemos contos e cantos...


Boa sorte! Chegaremos a bo porto e... "vento en popa a toda vela".
Eu, como rato que son, irei agochado na adega.

xoves, 30 de xuño de 2011

BOAS VACACIÓNS...E GRACIÑAS A TODOS!


Desde o meu agocho na biblioteca, estou preparandome para as vacacións, e deuseme por pensar no marabilloso traballo que levamos feito todos xuntos. Por iso quero dar as grazas a todos os que entusiastamente me axudaron a argallar (para min) a mellor biblioteca do mundo. Aínda por riba da de Alexandría.
Grazas a todos os nenos do colexio, por xogar comigo e aprender todo canto lles mostrei. Ás familias por colaborar sempre que o necesitei. A todo o persoal do colexio, Joaquín, que traballou arreo fabricando os cadernos que eu lle mandaba, aos profesores, aos que fixen ler e estudar e investigar como nos seus mellores tempos de estudantes.
E especialmente GRAZAS ás miñas íntimas amigas, artistas, comediantas, escritoras, poetas, pintoras... mestras, JUANA e BEA,que souberon alumearme, facer da biblioteca a nosa casiña o meu lar, ensinarnos a voar con ás de paxaro, encheron os bosques de cores...
E todos os que por aquí pasamos, desexamosvos que a vida vos dea, polo menos ,todo o que vós nos soubestes dar.

xoves, 16 de xuño de 2011

Hoxe tivemos na Biblio uns convidados moi especiais:
Eran as nenas e nenos que van encher a aula dos pequechos no vindeiro curso.

Resultaron un público estupendo... e casi non precisaron a mamá e papá!
Mirade que atentos escoitaron Carapuchiña!




luns, 13 de xuño de 2011

Ata sempre, querido Juan.


Hoxe queremos lembrarte, Juan Farias, con tristura e agradecemento.

Deixamos constancia na imaxe seguinte da túa presenza na nosa Biblio.
Nesta pequena biblioteca escolar os nenos e nenas coñecen moitas das túas palabras que, mesmo nalgún caso, eles ilustraron e...recitaron.
Porque a túa prosa é pura poesía.

Grazas, querido Juan.

martes, 31 de maio de 2011

A ilusión de amosar o traballo ben feito.


Os Caderniños do tema están rematados.


Que ilusión velos todos xuntos e poder amosalos ás nosas familias!


Noraboa, nenas e nenos, polo voso estupendo traballo!



O venres tivemos festa!