xoves, 20 de decembro de 2007

Unha chea de Nadais- Arxentina e Uruguai

Isabel é orientadora no noso colexio. Ela naceu en Bos Aires. Mauro e Carla tamén naceron na Arxentina, pero en Mendoza.

Hoxe eles contáronnos do Nadal no seu país. Teñen moitos costumes semellantes aos nosos, e tamén aos dos italianos, porque como nos explicou Isabel, Arxentina é un país feito con xentes de moitos lugares. pero teñen algo que fai o seu nadal moi distinto ao noso: aló é veran!

Por iso as festas teñen moito sabor a rúa. Nas casas poñen un arbolito (pequeno), e baixo el o pesebre, no que colocan ao Neno ás doce da noite do 24, igual que en Perú. Para cear fan un churrasco, deses que a eles lles saen tan ricos...

E de postre pan dóce, tortas fritidas, turrón de manises...

Aldo e Mauro, que naceron en Uruguai, subiron logo ao escenario e vimos que as diferencias nos costumes son moi pequenas, porque se trata de países veciños.


martes, 18 de decembro de 2007

mércores, 12 de decembro de 2007

Unha chea de Nadais - Rumanía




Hoxe tivemos no colexio a María, que é a nai de Miguel e naceu en Rumanía. Falar no noso idioma é difícil para ela, pero contou con Adela, que lle leva prestando axuda desde que chegou de aló.
Elas explicáronnos que na Noiteboa, é costume que algún dos fillos da familia amase e coza o pan no forno e llo entregue na mesa aos pais que serán os que o partan.
Tivemos ademais a sorte de poder probar un dos postres típicos desa noite. Mirade que boa traza tiña... mágoa que non poidades probalo, como fixemos todos nós.

martes, 11 de decembro de 2007

Unha chea de Nadais - Perú.




Luis e Ever naceron en Perú, nunha cidade do norte: Chiclayo. Hoxe Yamna, a súa nai, contounos como se vive aló o nadal. Soubemos que o 24 é o máis grande dos días. As rúas vanse adornando desde antes e son as xentes as que o fan, colocando faroliños e grilandas de papel. Nesa noite hai un gran pavo recheo na cea, e de postre panetón.
Ás doce, os nenos abren os agasallos que lles deixou Papá Noel e nese momento é cando se coloca no nacimento a figura do neno Xesús: os donos da casa elixen dentre os seus convidados uns padriños. Eles serán os encargados de poñer a figura no portal e, a cambio, deixarán un donativo que se usará para enriquecer o Belén no ano seguinte. Nesa noite visítanse as casas dos veciños e os nenos van por elas cantando panxoliñas. Yamna cantounos hoxe unha das que lembra ter cantado de nena, vestida de Virxe María.
A entrada do ano celébrase nas rúas e praias, con música e foguetes e queimando tamén un boneco, como en Ecuador.

mércores, 5 de decembro de 2007

Unha chea de Nadais - Portugal.

Fátima, a nai de Bruno, veu hoxe falarnos do Natal, que é o nome do Nadal en portugués. Ela falounos das tradicións da súa zona, o norte do país.
Contounos que as datas máis importantes son, sen dúbida, o 24 e 25 de decembro. A xente celébraas moito máis que o fin de ano.
Na tarde do 24 comézase a cociñar moi cedo, porque a cea é abundante e empeza sobre as sete ou oito.O prato tradicional leva bacalhau con batatas, ovos cozidos, couves galegas... tamén polvo cozido. Os postres son caseiros e numerosos: aletria, rabanadas, arroz doce... Ao día seguinte o xantar faise elaborando unha roupa vella cos restos da noite anterior.
Ás doce da noite moita xente acude á missa do galo. A partir desa hora é o momento en que os pequechos poden abrir os seus agasallos, que chegan ás casas da man de Papá Noel ou do neno Xesús.

martes, 4 de decembro de 2007

Unha chea de Nadais- Ecuador.

A nosa é unha escola pequena, pero cunha grande riqueza: está chea de cores, terras, tradicións diferentes. Ademais do noso país, nela están representados Perú, Uruguai, Arxentina, Cuba, Colombia, Ecuador, Brasil, Guinea, Rumanía, China e Portugal.
Agora que chega o Nadal quixemos coñecer os distintos xeitos de celebralo (ou non) de todos estes lugares. Hoxe, coa axuda de Araceli (que é a madriña de Liseth), comezamos por ECUADOR:
Os Reis Magos non chegan ata aló, pero si Papá Noel. No lugar de Ecuador onde vivía Liseth, Papá Noel non leva os xoguetes ás casas, senon que os entrega nas escolas nas vísperas de Nadal. É alí onde os reciben os nenos e nenas.
Araceli contounos tamén que na Noitevella, as xentes bótanse á rúa a celebrar xuntos a entrada do ano. Alí, queiman bonecos que fixeran con trapos e que no seu recheo levan papeis, onde as persoas anotan as cousas malas que viviron no ano e que queren esquecer. Ese boneco chámase Añoviejo.



venres, 30 de novembro de 2007

Comezan a animarse de novo!

Os nenos e nenas de Infantil disfrutan de novo duns Contadores moi especiais. Os seus pais e nais empezan a sentarse no Trono para ofrecerlles historias. Neste curso, o primeiro en facelo foi o pai de Alba... claro que, dentro do pouco serán os nenos os que lean para os seus pais... Mirade Adrián que ben o fai xa!


xoves, 29 de novembro de 2007

Querida Biblio.

Ás veces, nunha garda de tarde, pódese ter o privilexio de asistir a momentos como os que amosan estas dúas fotos:
Mentres mamá ou papá están reunidos cos outros membros da ANPA, os pequechos entran na Biblio a ler xuntos...
... Á Biblio veñen tamén algúnhas nostálxicas, a rememorar días de primaria.


luns, 26 de novembro de 2007

Contos compartidos

Velaí algunhas historias, cheas de amizade e colaboración, que levamos compartido nas sesións de conto dos venres.



venres, 9 de novembro de 2007

Traballando con Goya en Entrambos.

Nestas imaxes podedes ver a actividade que se xenerou na escola ao recibir a miña invitación para o Museo: coñecimos a figura de Don Francisco de Goya y Lucientes a través dun dos seus descendentes; observamos cinco das súas obras; reconstruímos unhas reproducións que apareceron rompidas; aprendimos pintura seguindo os bocetos do artista... e mesmo houbo quen se convertiu en personaxe dalgún dos seus cadros!
Encántame convidar a estes nenos e nenas! RATO.


mércores, 24 de outubro de 2007

O Rato fai "gatadas"

Xa estamos afeitos!!

Este Rato noso sempre anda a facer das súas. Onte deixou esta mensaxe nunha aula de infantil.

Non nos sorprende que nos convide a unha visita imaxinaria ao Museo. Xa fomos noutras ocasións a coñecer a algún pintor. Pero, desta vez esqueceu escribir na entrada o nome do artista. Menos mal que os rapaces de 5º e 6º foron quen de averigualo, acudindo á Biblio e buscando información.

Non foi asunto sinxelo: primeiro houbo que decidir onde e como buscar, xa que non sabíamos tampouco os títulos dos cadros. Lográmolo!! Agora sabemos que o xoves coñeceremos a... GOYA!.

luns, 15 de outubro de 2007

A que che sabe a lúa?

... Saboreouno compracido, e logo foi dándolle un bocado ao mono, ao raposo, ao león, á cebra, á xirafa, ao elefante e á tartaruga.
E a lúa sóubolles talmente a aquilo que máis lles gustaba a cada un deles.

Hai xa uns días compartimos na Hora do conto as imaxes e o texto deste fermoso libro.
Con el iniciamos o noso tema Entrambos. Soubemos así dunha historia que amosa o valor da colaboración e o traballo en equipo e, no remate da lectura, pechando os ollos, saboreamos tamén nós un bocadiño de lúa.
E a ti? A que che sabe a lúa?

luns, 8 de outubro de 2007

COMEZAMOS CUN NOVO PROXECTO



O pasado venres comezamos cun novo proxecto de traballo para compartir na escola desde outubro ata decembro.
O seu título é Entrambos.
Queredes saber de que vai? Podedes velo nestas imaxes que amosan o díptico informativo para as familias.

luns, 1 de outubro de 2007

IMOS COMEZAR XA!!


Velaí unha imaxe que hoxe apareceu na escola. A ver se sodes quen de ir adiviñando o tema co que imos traballar neste trimestre.

De novo en LEO, LEO

Hoxe abrimos de novo o noso clube de opinión LEO, LEO. Atoparédelo na marxe esquerda desta páxina.
Comezamos atendendo á demanda dos nenos e nenas de infantil, que están desexando falar do moitísimo que lles gustan os libros de Eric Carle e saber que vos parecen a todos vós.

luns, 10 de setembro de 2007

BENVIDA


A piques estamos de volver a vernos!!!
Desde onte atópome agachado no meu recuncho da Biblio e ando a matinar con que nos imos divertir este curso.
Ando un pouco nervioso... menos mal que, de seguro, vós estaredes ben tranquiliños e preparados para me axudar.
Ata moi, moi pronto. Bicos ratunos.

xoves, 28 de xuño de 2007

Aos nenos e nenas.

Escoitades o son? Está a vos dicir Eu marcho de vacacións.
A verdade é que estou algo canso.É moito o que levo aprendido neste ano, aínda que non tanto coma vós. Foi estupendo vivir un curso máis nesta Biblio e nesta escola.

Agora precisamos descansar porque...hai moito, moito que vivir no vindeiro curso. Alí estarei. Mentres tanto, na porta queda o Avó rato, custodiando e agardándonos. Un bico.

luns, 11 de xuño de 2007

Dúas nais... e un pai!

Nestes días contamos coa presenza de dúas nais... e un pai!!, que leron desde o trono da Biblio.
Estou encantado de que se vaian animando a facelo. Grazas!






domingo, 10 de xuño de 2007

Desde Fene... opinan sobre a festa Pirata


"O futuro pertence a quen cre na beleza dos seus soños"
Eleanor Roosevelt


Bicos a moreas para todos!!
O Segrel do Penedo. Blog da Biblioteca do IES de Fene

Resposta do C.I.P.

Querid@s compañeir@s:
Agrada-nos moito contar coa vosa presenza na nosa festa, e de que fagades desta illa un lugar máis e máis habitado.Por razóns legais non podemos aparecer nas cartografias, ainda que, para quen saiba ver ollos adentro, somos os habitantes do azul dos mapas, comunmente nomeados como mares e océanos.Bon, mellor que sigan sen nos ver, asi seremos máis e máis felices, preparados para acompañar a viaxe dos arroaces até o horizonte, acariñando o Sol da Liberdade.
E mil grazas por contardes con tanta fermosura as vosas experiéncias piratas. Como ben dixestes, podedes arribar á illa cando queirades: vós tedes a chave do tesouro (os adultos tamén, pero moitos negan-se a admiti-lo: asi lles vai aos pobres...).

venres, 8 de xuño de 2007

Seguindo as indicacións que nos foron dadas, os rapaces e rapazas do terceiro ciclo lograron asistir á festa pirata. Aí van algunhas das súas experienzas.
POR CERTO!! soubemos polo Segrel do penedo e Biblioafonso que hai máis xente interesada en participar no acontecemento. Por suposto que podedes facelo!! Agardamos polos vosos comentarios ou polo que poida aparecer nos blogs. Queremos saber se vos vai na festa tan ben como nos está indo a nós.







luns, 4 de xuño de 2007

Resposta do C.I.P.

O Comité Internacional de Piratas agradece moito que na terra dun dos seus últimos asociados, Benito Soto, http://gl.wikipedia.org/wiki/Benito_Soto teña a nosa actividade unha tan fervorosa acollida e recoñecimento (de feito, comprobamos que os ósos da nosa secular bandeira están bailando de alegria, mesmo diria que están sambando no pé, nada menos).

Os nosos informantes comentan-nos que hai dúbidas nos pequenos grumetes a respeito de onde e como chegardes ao lugar da nosa festa de cuarto de milénio. Pois ben, tras várias consultas entre os asociados decidimos seguir o método poético de viaxe pirata, patrocinado polo noso grande irmao Walter Raleigh,
http://www.saladearte.sidor.com/letras/revista_literal/numero_4/4_raleigh.htm, e que consiste no seguinte:

Cerrade os vosos ollos, escoitade o rumor do voso corazón mesturado co mar, e, sen os abrir, veredes ao lonxe unha illa que vos chamará polo voso nome. Lentamente iredes navegando até chegar ali, sen máis esforzo que a vosa imaxinación e axudados polo grande tesouro que tendes: os soños. Unha vez cheguedes seredes donos das vosas vidas, e poderedes vencer todos os problemas, porque xa non teredes medo (non lle contedes isto a ninguén, porque este segredo é unicamente transmitido aos que teñen o corazón branco e alma grande como o universo, co que os que non dispoñan destas duas cousas pensarán que estades un pouco para alá, pobriños deles!).
Neste lugar hai ron, cancións, poemas, bailes, festas e unha enorme casa alimentada por todos os botins conseguidos nas nosas aventuras.
Aqui vos esperamos, podedes entrar e sair cando queirades sempre que fagades caso ao voso grande tesouro, asi que coidade-o e dá-de-lle uso, amigos e amigas.

Queremos ir á Festa pirata

Os grumetes-piratas de quinto e sexto aceptan a invitación do C.I.P. e deciden asistir á 250º Festa na Alta mar.
Nestas misivas expoñen as súas dúbidas.
(un deles é un pirata recén chegado do Perú e fai os seus primeiros piniños en galego)




sábado, 2 de xuño de 2007

A despensa

No día de hoxe abrimos A Despensa.
Podédela atopar no menú do lateral esquerdo.

mércores, 30 de maio de 2007

Palabras Mariñeiras


Hoxe incorporamos aos fondos da Biblio un exemplar moi especial. Situámolo neses andeis que temos para libros de Edición Propia.
O seu título é Palabras mariñeiras e é un traballo dos nenos e nenas do terceiro ciclo de primaria.
Velaí algunhas das súas páxinas.