xoves, 20 de decembro de 2007

Unha chea de Nadais- Arxentina e Uruguai

Isabel é orientadora no noso colexio. Ela naceu en Bos Aires. Mauro e Carla tamén naceron na Arxentina, pero en Mendoza.

Hoxe eles contáronnos do Nadal no seu país. Teñen moitos costumes semellantes aos nosos, e tamén aos dos italianos, porque como nos explicou Isabel, Arxentina é un país feito con xentes de moitos lugares. pero teñen algo que fai o seu nadal moi distinto ao noso: aló é veran!

Por iso as festas teñen moito sabor a rúa. Nas casas poñen un arbolito (pequeno), e baixo el o pesebre, no que colocan ao Neno ás doce da noite do 24, igual que en Perú. Para cear fan un churrasco, deses que a eles lles saen tan ricos...

E de postre pan dóce, tortas fritidas, turrón de manises...

Aldo e Mauro, que naceron en Uruguai, subiron logo ao escenario e vimos que as diferencias nos costumes son moi pequenas, porque se trata de países veciños.


martes, 18 de decembro de 2007

mércores, 12 de decembro de 2007

Unha chea de Nadais - Rumanía




Hoxe tivemos no colexio a María, que é a nai de Miguel e naceu en Rumanía. Falar no noso idioma é difícil para ela, pero contou con Adela, que lle leva prestando axuda desde que chegou de aló.
Elas explicáronnos que na Noiteboa, é costume que algún dos fillos da familia amase e coza o pan no forno e llo entregue na mesa aos pais que serán os que o partan.
Tivemos ademais a sorte de poder probar un dos postres típicos desa noite. Mirade que boa traza tiña... mágoa que non poidades probalo, como fixemos todos nós.

martes, 11 de decembro de 2007

Unha chea de Nadais - Perú.




Luis e Ever naceron en Perú, nunha cidade do norte: Chiclayo. Hoxe Yamna, a súa nai, contounos como se vive aló o nadal. Soubemos que o 24 é o máis grande dos días. As rúas vanse adornando desde antes e son as xentes as que o fan, colocando faroliños e grilandas de papel. Nesa noite hai un gran pavo recheo na cea, e de postre panetón.
Ás doce, os nenos abren os agasallos que lles deixou Papá Noel e nese momento é cando se coloca no nacimento a figura do neno Xesús: os donos da casa elixen dentre os seus convidados uns padriños. Eles serán os encargados de poñer a figura no portal e, a cambio, deixarán un donativo que se usará para enriquecer o Belén no ano seguinte. Nesa noite visítanse as casas dos veciños e os nenos van por elas cantando panxoliñas. Yamna cantounos hoxe unha das que lembra ter cantado de nena, vestida de Virxe María.
A entrada do ano celébrase nas rúas e praias, con música e foguetes e queimando tamén un boneco, como en Ecuador.

mércores, 5 de decembro de 2007

Unha chea de Nadais - Portugal.

Fátima, a nai de Bruno, veu hoxe falarnos do Natal, que é o nome do Nadal en portugués. Ela falounos das tradicións da súa zona, o norte do país.
Contounos que as datas máis importantes son, sen dúbida, o 24 e 25 de decembro. A xente celébraas moito máis que o fin de ano.
Na tarde do 24 comézase a cociñar moi cedo, porque a cea é abundante e empeza sobre as sete ou oito.O prato tradicional leva bacalhau con batatas, ovos cozidos, couves galegas... tamén polvo cozido. Os postres son caseiros e numerosos: aletria, rabanadas, arroz doce... Ao día seguinte o xantar faise elaborando unha roupa vella cos restos da noite anterior.
Ás doce da noite moita xente acude á missa do galo. A partir desa hora é o momento en que os pequechos poden abrir os seus agasallos, que chegan ás casas da man de Papá Noel ou do neno Xesús.

martes, 4 de decembro de 2007

Unha chea de Nadais- Ecuador.

A nosa é unha escola pequena, pero cunha grande riqueza: está chea de cores, terras, tradicións diferentes. Ademais do noso país, nela están representados Perú, Uruguai, Arxentina, Cuba, Colombia, Ecuador, Brasil, Guinea, Rumanía, China e Portugal.
Agora que chega o Nadal quixemos coñecer os distintos xeitos de celebralo (ou non) de todos estes lugares. Hoxe, coa axuda de Araceli (que é a madriña de Liseth), comezamos por ECUADOR:
Os Reis Magos non chegan ata aló, pero si Papá Noel. No lugar de Ecuador onde vivía Liseth, Papá Noel non leva os xoguetes ás casas, senon que os entrega nas escolas nas vísperas de Nadal. É alí onde os reciben os nenos e nenas.
Araceli contounos tamén que na Noitevella, as xentes bótanse á rúa a celebrar xuntos a entrada do ano. Alí, queiman bonecos que fixeran con trapos e que no seu recheo levan papeis, onde as persoas anotan as cousas malas que viviron no ano e que queren esquecer. Ese boneco chámase Añoviejo.