xoves, 28 de outubro de 2010

De cabazas, medo e paxaros.

Quedan aquí algunhas imaxes que vin hoxe na escola, cando deixei o meu Burato da Biblio, para estarricar os bigotes.

Atopei o vestíbulo cheo de vida:
. No escenario, paxaros de mil formas e materiais, que foron chegando das casas.

. Nunha mesa, cabazas propias da época, enchéndose de plumas, peteiros, mesmo de paxaros enteiros.

. Ao pé dela, libros que están a ser lidos nas aulas, de Infantil aos maiores. Historias que falan do medo... ou que dá medo escoitar: Un pesadelo no meu armario, O Papón, Barbazul, Cando petan na porta pola noite...

E mañán, en vísperas de Difuntos... Qué pasará?


martes, 26 de outubro de 2010

Na hora do conto, o venres pasado.


Aí os tedes!

Cando tiñan seis anos, recibiron de mans dos seus daquela compañeiros maiores, un libro xigante (feito como actividade plástica)a partir do de Doumerc e Barnes.Eles usárono para contar no escenario e despois, gardámolo na Biblio.Estabamos traballando cun proxecto arredor das cores e Federico era un personaxe axeitado para o tema.

Agora, cando son eles os maiores, cóntano de novo. Federico é outra vez un personaxe axeitado para o tema das aves e foi o conto compartido do venres pasado.

Contadores e público estiveron encantados!(... e eu tamén)





mércores, 20 de outubro de 2010

Un agasallo do Rato.





O Rato deixou hoxe un agasallo para cada un de nós: temos un caderno de ornitoloxía!
Nel imos debuxar, pegar, escribir algunhas das cousas que estamos a aprender sobre paxaros: como son, como nacen, algúns costumes, o estudio dun paxaro especial, aves de lonxe e de preto...
Quedan aquí imaxes das súas doble-páxinas.
Trae tamén unha selección dos libros da nosa Biblio cos que imos traballar.





luns, 18 de outubro de 2010

Primeira carta de Trasno Mateus


Amigas, amigos:
O Rato veu de visita polo bosque estes días e estivo contándome das actividades que ten previstas para este trimestre, e, casualmente, pasamos o día na nosa casa (fóra bruaba un vento terríbel) escoitando música mentres as horas se consumían na conversa.

Foi ao despedirnos cando nos decatamos de que esa música que escoitábamos tamén tiña que ver co tema que estades tratando: era a obra de Charlie Parker, un compositor americano de jazz.

Mentres tanto, déixovos un par de magníficas obras súas (cunha pista sobre a relación co tema), para que tamén saibades como pasamos o tempo no bosque: My old flame e Bird of Paradise.

xoves, 14 de outubro de 2010

Semella estar feita para o tema!


Así é!

Esta película semella estar feita para o proxecto Con ás de paxaro.
Unha fermosa historia na que se mesturan aves e humanos voadores (entre outras cousas).

Paga a pena vela!

luns, 4 de outubro de 2010

venres, 1 de outubro de 2010

Xa temos tema novo!

Xa temos tema para este trimestre.
Hoxe escoitamos xuntos o primeiro conto para presentalo: A merliña
Si, adiviñáchedes! estará cheo de paxaros, sobre os que imos aprender moito.
Pero non só iso.
Esta imaxe dá máis pistas:

Así é. Tamén imos traballar coa historia da aeronáutica, cos xoguetes voadores... co noso inmenso desexo de voar!

(por certo, a imaxe anterior está roubada dun libro hoxe descatalogado e que nunca debeu desaparecer: Leopold o la conquista del aire.