xoves, 5 de maio de 2011
Mateus propón un xogo.
Amigos e amigas:
Deixástesme pampo con tantas descricións como fixestes de min! O caso é que, ben mirado, todas elas teñen algo do que os trasnos somos.
Sempre se dixeron moitas cousas de nós, botándonos as culpas de case todo (ainda que ás veces si teñen razón), pero, como saberedes, traballamos sempre na sombra, cultivando a imaxinación e dándolle a volta a demasiadas cousas que os adultos pensan que son serias, importantes: para nós, todo aquilo do que non se poida rir un ás gargalladas énos un pouco sospeitoso, e por iso defendemos en todo momento o dereito a soñar, xogar, aprender e sentir a realidade por un mesmo... nisto coincidimos, é verdade, o Rato e eu, como xa suporedes.
Pois teño aquí outro pequeno xogo para vós, relacionado co que estades tratando estes meses: imaxinemos como sería o animal máis estraño que encontraríades nun bosque. Terías ás, plumas, patas, pelos?
EnvÍo o meu:
O fendecastañas, un animal pequeniño, cun fuciño un pouco longo e duro, dez dentes, e uns ollos cor de mel escuro. Anda (ou andaría, existirá?) sobre catro patas un algo retortas, e, cousa rara, pasa a primavera e o verán durmindo nunha cova que vai furando ao acabar o inverno, despois de duplicar o tamaño do seu corpo con tanta castaña como comeu. Disque Álvaro Cunqueiro o viu unha vez na botica do seu pai, aló por Mondoñedo, pero acordou con el non mencionalo en ningún conto dos seus.
Que vos parece? Xogamos?
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
1 comentario:
Para animales raros,ver este vídeo
Publicar un comentario