venres, 19 de setembro de 2014

PASAXEIROS AO TREN... COMEZAMOS A VIAXE!

Xa estamos aquí de novo, con forzas e ilusións  renovadas. Vellos amigos e cariñas pequenas que esperan facer moitos amigos, aprender moitas cousas e sobre todo pasalo moi ben.


Comezamos escoitando un conto que nos fala das mentiras que nos contan os maiores para enganarnos e como lles temos que berrar "ISO É MENTIRA"

E, para rematar, debuxámonos montados no tren deste curso, que vou conducir eu, por suposto. Boa viaxe a todos.

martes, 10 de xuño de 2014

luns, 26 de maio de 2014

VIDE Á NOSA... "FESTA SACHADA"

Esta vez imos actuar nun salón grande, grande, con sillas para que todos vos sentedes. Así que queremos dar as grazas aos amigos do MAC por deixarnos de novo as súas magníficas instalacións, e dicirvos que vos esperamos a todos para disfrutar desta festa.
Lede con atención o programa que promete ser espectacular.
Ata o xoves!!!



luns, 19 de maio de 2014

UN PASO ADIANTE... XOSÉ MARÍA DÍAZ CASTRO

O día 16 de maio celebramos no colexio o Día das Letras Galegas, agardando que haxa moitos días máis cada ano. Este ano lembramos e fixémos a homenaxe a Xosé María Díaz Castro. 

Marisol explicounos a orixe deste día e do noso idioma, e despois vimos un vídeo sobre Díaz Castro.


Os pícaros de 1º ciclo recitaron o poema "Esmeralda"


Os de 2º ciclo "Terra Sucada"

E, para remate, os de 3º ciclo, dun xeito moi rapeiro, fixéronnos bailar co poema "Penélope"

Aproveitando que estábamos de festa, todos xuntos, felices e contentos, houbo unha rifa.
Cinco leitugas, sementadas, regadas, e coidadas polos nenos deste colexio, foron sorteadas unha por aula.
Aquí vedes as caras de ledicia dos afortunados gañadores.
 Que vos aproveite!

venres, 9 de maio de 2014

martes, 29 de abril de 2014

DÍA DO LIBRO

O día 23 de abril celebramos o día mundial do libro.
Para festexalo ben, os pícaros de 4º  escolleron un capítulo moi divertido do Quixote,e medio leron , medio dramatizaron "A guerra dos rabaños", e todos rimos coas tenras tolerías deste cabaleiro manchego e universal.


Estes nenos xa o tiñan traballado en cómic, e aquí tedes dous exemplares de mostra.



Aproveitamos para lembrar e facer a nosa pequena homenaxe a Gabriel García Márquez, e a profe Ana leu os primeiros parágrafos da súa novela "Cien años de soledad". Espero que moitos dos nenos que escoitaron este comezo, axiña se atrevan a disfrutar da historia do Coronel Aureliano Buendía e a súa extraordinaria familia.


martes, 25 de marzo de 2014

APEIROS NO COLE, APEIROS NO MUSEO...

O día 7 de marzo os nenos e nenas de 1º a 6º de primaria visitaron o MUSEO DO POBO GALEGO.
Eu tamén fun agochado nunha mochila das merendas para poder contar aquí o que alí vimos..
 De mañanciña, acompañados dos seus titores e mestres, chegamos a Santiago co fin de coñecermos os apeiros que, ao longo dos anos, usaron para o seu labor todas as persoas galegas que traballaron no agro.
Apeiros agora en desuso a maior parte, e como dixo o profe José Luis, gran coñecedor do tema:  " Forman parte do que somos como pobo, coma comunidade dun labor concreto e como grupo ubicado nunha sociedade que o compartía todo para medrar, modernizarse e apegarse a un solo do que sempre formarán parte."

Apeiros tradicionais dalgúns traballos
Os nenos aprendendo moito e collendo notas
Grazas aos amigos que o profe Marcos ten no museo, puidemos facer no colexio unha exposición con miniaturas prestadas e ben vixiadas por Faustino co seu disfrace de espantallo.

E agora, xa estamos dispostos a meternos a estudar e traballar no segundo proxecto deste curso: SEMENTANDO