domingo, 26 de xaneiro de 2014

BRUNILDA E ESCURA


As rapazas do 3º ciclo tiveron a feliz idea de adaptar unha historia dun libro da nosa biblioteca. Así que, moi dispostas elas, o día 24 de xaneiro, entraron no camerino, e do camerino saíron bruxas, gatiños e maxia, que levaron ao escenario para divertirnos a todos.
Eu, coma sempre, agochado e silandeiro, gravei a actuación para que o mundo mundial comprobe a calidade dos artistas deste colexio.



martes, 14 de xaneiro de 2014

VISITA DE MONCHO DO ORZÁN AO COLE

O venres 10 de xaneiro, o día despois de volvermos novamente a clase, veu polo cole Moncho do Orzán, que nos deixou coa boca aberta ao falarnos, xunto ao profe Marcos, sobre o acordeón.
Os dous fixeron un repaso sobre a historia deste instrumento musical, e mostraron de que partes está formado. De feito, Moncho abriu o acordeón que traía (de máis de 50 anos) para satisfacer a nosa curiosidade. Soubemos que está feito de varios materiais, como se fai soar e, entre outras cousas máis, as diferenzas que ten con outros instrumentos.
Un auténtico luxo, porque non foi só algo teórico, senón que fixeron uso do seu grande talento e deleitaron os nosos oídos con varios temas tradicionais galegos e mesmo un valse francés.
E, por se fose pouco, saíron ao escenario as alumnas e os alumnos de 5º e 6º de primaria para acompañar os músicos cun dos temas que representaran na festa das familias de decembro!!!
Canto aprendemos, e canto disfrutamos. Que máis se pode pedir? Moitísimas grazas a Moncho e a Marcos!

luns, 13 de xaneiro de 2014

FESTA DAS FAMILIAS

O día 20 celebramos no colexio a festa das familias do proxecto PINGAS DE H2O. Todos os rapaces e rapazas do colexio pasaron polo escenario e presentaron os traballos e aprendizaxes...
¡Que ben o fixeron!




Eu xa tiña avisado aos Reis Magos para que recolleran as cartas de todos, e tamén estiveron aquí.


Deixovos neste blog as imaxes desta
 "FESTA PASADA POR AUGA"

luns, 2 de decembro de 2013

CONCELLEIROS!!!


Os nenos e nenas do terceiro ciclo asistiron a un Pleno Infantil conmemorativo, xa que este ano se cumple o 24 aniversario da Convención sobre os Dereitos do neno: o 20 de novembro de1989.
Participaron un total de 45 alumnos e alumnas de varios colexios da cidade.O obxectivo era dar voz aos nenos para que puideran aportar a súa visión de como os dereitos do neno se ven reflectidos  na súa vida diaria e comparala coa situación dos nenos doutros lugares do mundo.


A este colexio tocoulle traballar sobre o dereito á saúde, e tiveron que presentar unha reflexión, dúas propostas de mellora e dúas preguntas que prepararon todos xuntos na clase.
Foi unha experiencia moi interesante coñecer onde se xestionan os asuntos da cidade que a todos nos importan.

MERGULLANDONOS NO MUSEO DE BELAS ARTES

As mariscadoras.- Luis Seoane

Mariña surrealista.- Urbano Lugrís

Ría de Mera.- Francisco Llorens

La caída de Ícaro.- Gowy
A auga da para moito, para beber, asearse, na industria... e para todas as artes.
 Hai esculturas coa auga, hai auga na arquitectura, e hai auga na pintura, moita auga.
No museo de Belas Artes, o martes 26 de novembro, coñecemos con moito detalle, algúns cadros nos que nos puidemos mergullar.
Gracias aos monitores do museo, dunha maneira moi divertida, achegámonos a Seoane, Llorens, Lugrís...


Como podedes observar, os nenos deron tamén a súa lección de como se visita un museo, e demostraron saber escoitar, participar en orde, e valorar con respecto a arte e o esforzo dos monitores por achegarnos o traballo destes artistas.

venres, 29 de novembro de 2013

UNHA LECCIÓN MAXISTRAL... CUNS PROFES INVITADOS.

O venres 22 de novembro, e para seguir aprendendo cousas da auga, viñeron ao colexio uns profes moi especiais. Son membros de ASPACE, unha asociación de parálise cerebral, que teñen que moverse en sillas de rodas, axudarse con ordenadores e con dificultades para os desprazamentos.
 Prepararon uns experimentos coa auga para explicarnos a todos, e foron os mellores mestres que poidemos ter.

Comprobamos que a auga doce pesa menos que a salgada, como é a molecula da auga, cambiamos a auga de estado,  como son as súas características en cada situación, e por último vimos maxia con auga.

explicando a composición da molécula da auga

xogando a ser molécula do xeo

creando o noso " Mar Morto", onde flotamos con facilidade...
A clase foi todo un éxito, todos aprendemos moito, de física, de química, e das cousas importantes da vida. Quedaron todos tan contentos, que os nenos ofreceron como agasallo de despedida aos seus novos  profes a representación do clásico do cole: "A Lebre e a Tartaruga".

xoves, 21 de novembro de 2013

MAGOSTO 2013

O venres 15 tivemos o magosto do colexio. Os pícaros fixeron un recipiente con dous compartimentos para levar as castañas e botar as cascas, e decorárono con motivos outonais, cantigas e poemiñas.
Houbo moitas castañas, o tempo foi suave e todo estaba moi rico. Jose e axudantes traballaron arreo para que todo estivese a punto. Foi un día de festa, e todos satisfeitos e co bandullo cheo.








Non chas quero, non chas quero,
castañas do teu magosto.
Non chas quero, non chas quero, 
que me cheiran ao chamosco!!!