luns, 8 de marzo de 2010

Vaia sorpresa, amigo Rato!!

Cando chegamos ao colexio hoxe e entramos na Biblio... MENUDA SORPRESA!

Atopamos toda unha casiña construida arredor do teu burato. Gústanos moito e estamos encantados de poder entrar na túa vivenda.
Claro que... seguimos sen ver que agachas nese teu burato, a carón da escaleira!!

E, dinos amigo Rato, iso de facerte unha casa... non terá algo que ver co tema que andamos a traballar?









venres, 26 de febreiro de 2010

Miña casiña, meu lar.

Hoxe escoitamos o primeiro conto do que vai ser o proxecto Miña casiña, meu lar.
Abaixo queda información sobre el.


xoves, 25 de febreiro de 2010

Que pasa... con tanta casa?

Ao longo desta semana o vestíbulo do colexio foise enchendo de libros, obxectos e mesmo un rótulo que di, como Rosalía: Miña casiña, meu lar.

Mañán teremos o primeiro conto deste novo proxecto e, de seguro, algunha explicación máis sobre todo el.






xoves, 18 de febreiro de 2010

Entroido...de Contos!!

O pasado venres celebramos o Entroido, que se comvertiu nunha actividade máis coa que rendir tributo aos clásicos.

O colexio encheuse de personaxes deses que todos queremos e recoñecemos.

Foi unha fermosa festa, celebrada baixo a caloriña dun Sol de inverno... e do entusiasmo dunhas familias que sempre nos apoian e nos acompañan!!

Aí queda un resumo. Ide picando nas imaxes e volvendo atrás, se queredes velas mellor, unha a unha.





martes, 2 de febreiro de 2010

Escribimos un conto?

O amigo Mateus déixanos esta proposta.
Queredes participar nela?
Escribide as vosas aportacións no apartado de comentarios, que se isto prospera, xa me encargarei eu de recoller a colleita final e publicala como entrada.
RATO.


Amigas e amigos:
Estou ben contento de vos ver dando voltas sobre os contos clásicos. Eu, mentres ides ao recreo e Joaquín está falando cos profes, aproveito para botarlles un ollo e unha orella e apañarlles unha boa dose de sabedoría aos libros.
Pero, ando eu maquinando, digo... matinando en que eses contos nalgún momento deberon nacer, non vos parece? Alguén debeu imaxinalos a primeira vez e darlles corpo para que outras persoas fosen dándolles forma e contido, enchéndoos da vida que ainda agora rebule polas vosas cabezas e corazóns, e que, de seguro, continuará cos vosos netos e netas...
E, digo eu, que vos parece se nós, os nenos, nenas, profes, pais e nais, trasno(s), e tamén ti, paseante distraído que dás unha volta por este blog, armamos un bon conto? Por que non podería ser algo que se siga construindo xeración tras xeración, aportando cada persoa que o vexa algo novo, un sentido máis, que é o que ven sendo un conto clásico? Poñémonos?
Se queredes, podemos comezar con:

“Era unha vez un país ben lonxe, onde vivían dúas nenas nunha casa chea de segredos…”

Quen se atreve a seguir?

luns, 25 de xaneiro de 2010

Este era un gaiteiro...

Este era un gaiteiro
que iba polo monte...
ti queres que cho conte?


O venres a nosa Hora do conto convertiuse nunha oportunidade para coñecermos a Dubi, profesor na Escola municipal de música, saxofonista... e gaiteiro!!

Ramiro, o pai de Alba, é amigo de Dubi e foi quen se ocupou de traérnolo. Dubi amosounos unha gaita antiga; montou outra, peza a peza, diante de nós; tocou unha Alborada, unha Foliada e unha Muiñeira... e mesmo deunos a oportunidade de soprar a algúns.

Moitas GRAZAS, Dubi e Ramiro, por tan grato e valioso encontro.







martes, 19 de xaneiro de 2010