O amigo Mateus déixanos esta proposta.
Queredes participar nela?
Escribide as vosas aportacións no apartado de comentarios, que se isto prospera, xa me encargarei eu de recoller a colleita final e publicala como entrada.
RATO.
Amigas e amigos:
Estou ben contento de vos ver dando voltas sobre os contos clásicos. Eu, mentres ides ao recreo e Joaquín está falando cos profes, aproveito para botarlles un ollo e unha orella e apañarlles unha boa dose de sabedoría aos libros.
Pero, ando eu maquinando, digo... matinando en que eses contos nalgún momento deberon nacer, non vos parece? Alguén debeu imaxinalos a primeira vez e darlles corpo para que outras persoas fosen dándolles forma e contido, enchéndoos da vida que ainda agora rebule polas vosas cabezas e corazóns, e que, de seguro, continuará cos vosos netos e netas...
E, digo eu, que vos parece se nós, os nenos, nenas, profes, pais e nais, trasno(s), e tamén ti, paseante distraído que dás unha volta por este blog, armamos un bon conto? Por que non podería ser algo que se siga construindo xeración tras xeración, aportando cada persoa que o vexa algo novo, un sentido máis, que é o que ven sendo un conto clásico? Poñémonos?
Se queredes, podemos comezar con:
“Era unha vez un país ben lonxe, onde vivían dúas nenas nunha casa chea de segredos…” Quen se atreve a seguir?