Despois dun ano no que estiveron en obras, volvimos de excursión á Biblioteca da Sagrada Familia que tanto nos gusta!!
Fomos dando un precioso paseo todos xuntos, nenos e nenas de infantil cos de 1º e 2º que os cuidaban e miraban de que foran bos peóns, cruzando en verde e indo polos pasos de cebra.
Mirade que ben van xuntiños e contentos, coas mochilas baleiras para encher de libros bonitos!!
Paramos no parque para ver como vai vindo o outono e as cores das árbores cambiando a vermello, amarelo e marrón. Parecían de lume!
Logo, na biblio, escollemos os contos que leremos nao colexio na "Hora de ler" de todos os días.
De volta ao cole, outra foto na fonte e levantando as mochilas cheas de libros e aventuras!
E imos xa a merendar ao Cornide, que chegamos con fame!!.
O día 9 de maio foi o día de Europa, e para conmemoralo invitei á miña amiga Laura Marín para que nos falara e nos contara cousas interesantes dunha zona de Europa que se chama os Balcáns.
Ela, que é aventureira e viaxeira coma min, canta e tamén compón cancións que se cantan en paises como Bosnia, Macedonia, Serbia, Croacia, Montenegro...
A miña amiga é unha antiga alumna do noso colexio.
Pasou aquí nove anos e dixo que neste cole foi moi feliz, fixo moitos amigos e aprendeu moito.
Dende pequena lle gustou a música e especialmente a dos Balcáns, estudiou o idioma e foi a clases de canto. Despois viaxou a eses paises e incluso deu concertos alí con moito éxito.
Mirade o guapa está cun traxe de festa especial para a súa actuación!!
No mapa de Europa situou os paises balcánicos.
E aquí tedes o video para que apreciedes ben a súa preciosa voz e o boa compositora que é!!
Este ano, as Letras Galegas están adicadas a todas aquelas mulleres que interpretaban cantigas da nosa música tradicional e popular e que as conservaron e transmitiron aos seus amigos e familiares ata chegar a nós.
Dúas daquelas mulleres , Rosa e Adolfina, de Cerceda, eran a avoa e a madriña do profe Marcos que estivo no noso cole ata hai tres cursos.
Así que o profe Marcos fíxonos un oco na súa apretada axenda , e veu contarnos a historia cantareira da súa familia. Agora xa sabemos por que ao profe Marcos lle gusta tanto a música.
Tamén nos falou de Dorothé Schubarth, a musicóloga suiza que hai tempo recorreu Galicia gravando e recollendo todas as coplas populares que as cantareiras sabían
Grazas a ela toda esta riqueza non se esqueceu.
Cantounos varias cancións que aprendera con elas e para rematar pedíulle á nosa Laura que cantase, e ela fixoo tan ben que quedamos todos abraiados.
A profe Carmen e máis a súa amiga Raquel, que é unha experta en lingua de signos, nos contaron esta historia dun crocodilo e unha xirafa pero a profe Carmen contounolo con palabras, e Raquel usando as súas mans.
E todos aprendemos a saudar, aplaudir e dicir Coruña en lingua de signos.
O ano novo para a cultura china vaise celebrar todos os anos na segunda lúa nova despois do solsticio de inverno. Hai desfiles con dragóns e moitos fogos artificiais.
No noso cole tanto non facemos, pero para celebrar o ano novo chinés, que este ano cadrou o 29 de xaneiro, collemos este conto da nosa biblio e coa axuda de Iván e Noé , a profe Ana contounos a lenda de por que o dragón é o máis apreciado en toda China.
Mentres a profe lía unha folla en galego, Iván e máis Noé lían un cachiño en chinés, e así todos puidemos apreciar como é a músicalidade e a escritura dese idioma tan diferente ao noso.
O señor Martus era fabricante de sombreiros, fabricou moitos , moi estrafalarios.
Os seus sombreiros eran para quitar o sombreiro, se queres coñecer algún, colle este libro que acaba de chegar á nosa biblioteca.
Cun anaco de nube fixo un sombreiro para o sol, outro para a choiva con forma de tellado, un de palla para os labregos, un de pirata co mapa dun tesouro...
E a rapazada de 3º e 4º, que son uns artistas, contaron e cantaron pedazos deste libro que está feito por David Pintor e Carlos López.
Aquí vos deixo algunhas fotos da marabillosa actuación do venres 17 de xaneiro.
Ata a próxima amiguiños, quedo agardando pola seguinte actuación, mentres me dedico a roer algunha foto antiga de Coruña, que teñen moito sabor!!