Biblioteca escolar José Cornide Saavedra - A Coruña

miércoles, 11 de febrero de 2009

trasno Mateus... e a Torre soñada.



Amigas e amigos:
Ben me prestou visitar estes días o cole e ver todo o que andades a trebellar coa Torre de Hércules (case me pisou Joaquín, a ver se quitas a barba para poder veres ben!!). Maravilla-me ver-vos facer tantas cousas, e descubrir sempre, en todo o que tedes arredor, algo novo que seguramente os vosos pais ou avós non sabían, de tan visto como o teñen…
Propoño-vos un xogo (a todos os que estades no cole, profes incluídos, e aos pais e avós que queiran): que vos parece se deixamos escrito como sería a torre dos vosos soños, da vosa imaxinación? Con todo o que fagades podería-se facer un pequeno mural e/ou deixá-lo tamén aquí, no blog da biblioteca. O Rato tamén gostou da idea como dun bon anaco de queixo.
E, como o burro vai diante, aquí vos deixo a Torre que imaxinei:
Está situada ben pertiño do mar, e bota luces amarelas e azuis para que quen veña do outro lado do Atlántico se oriente e poida chegar a bon porto. É toda de cristal e ten formas redondas, con pequenos buratos para entraren pombas mensaxeiras con notícias de todo o mundo. Alí vive unha trasna chamada Pitusa, con orellas redondas e ollos saltóns, e que pasa o tempo tocando nunha harpa que disque trouxo Ith, o fillo de Breogán, cando volveu desde as illas adiviñadas desde a Torre de Hércules, xunto ao seu compañeiro, o trasno Antón, moito máis seriote, cun mostacho que lle chega aos pés e voz rouca de tanto estar cerca do mar (contan que foron retratados por Luís Seoane nunha pequena esquina dun seu libro de debuxos, pero logo de falaren con el deixou unhas formas semiborradas que só se poden ver cando nos fixamos detidamente).
Disque fan unhas tortas con mil sabores, para que todos os que cheguen até a Torre teñan un bon recordo dela no corazón e na barriga, e tamén contan que os que pasan alí máis dun día son capaces de entender a língua das baleas que atravesan os seus camiños marítimos.