Biblioteca escolar José Cornide Saavedra - A Coruña

lunes, 2 de diciembre de 2013

CONCELLEIROS!!!


Os nenos e nenas do terceiro ciclo asistiron a un Pleno Infantil conmemorativo, xa que este ano se cumple o 24 aniversario da Convención sobre os Dereitos do neno: o 20 de novembro de1989.
Participaron un total de 45 alumnos e alumnas de varios colexios da cidade.O obxectivo era dar voz aos nenos para que puideran aportar a súa visión de como os dereitos do neno se ven reflectidos  na súa vida diaria e comparala coa situación dos nenos doutros lugares do mundo.


A este colexio tocoulle traballar sobre o dereito á saúde, e tiveron que presentar unha reflexión, dúas propostas de mellora e dúas preguntas que prepararon todos xuntos na clase.
Foi unha experiencia moi interesante coñecer onde se xestionan os asuntos da cidade que a todos nos importan.

MERGULLANDONOS NO MUSEO DE BELAS ARTES

As mariscadoras.- Luis Seoane

Mariña surrealista.- Urbano Lugrís

Ría de Mera.- Francisco Llorens

La caída de Ícaro.- Gowy
A auga da para moito, para beber, asearse, na industria... e para todas as artes.
 Hai esculturas coa auga, hai auga na arquitectura, e hai auga na pintura, moita auga.
No museo de Belas Artes, o martes 26 de novembro, coñecemos con moito detalle, algúns cadros nos que nos puidemos mergullar.
Gracias aos monitores do museo, dunha maneira moi divertida, achegámonos a Seoane, Llorens, Lugrís...


Como podedes observar, os nenos deron tamén a súa lección de como se visita un museo, e demostraron saber escoitar, participar en orde, e valorar con respecto a arte e o esforzo dos monitores por achegarnos o traballo destes artistas.

viernes, 29 de noviembre de 2013

UNHA LECCIÓN MAXISTRAL... CUNS PROFES INVITADOS.

O venres 22 de novembro, e para seguir aprendendo cousas da auga, viñeron ao colexio uns profes moi especiais. Son membros de ASPACE, unha asociación de parálise cerebral, que teñen que moverse en sillas de rodas, axudarse con ordenadores e con dificultades para os desprazamentos.
 Prepararon uns experimentos coa auga para explicarnos a todos, e foron os mellores mestres que poidemos ter.

Comprobamos que a auga doce pesa menos que a salgada, como é a molecula da auga, cambiamos a auga de estado,  como son as súas características en cada situación, e por último vimos maxia con auga.

explicando a composición da molécula da auga

xogando a ser molécula do xeo

creando o noso " Mar Morto", onde flotamos con facilidade...
A clase foi todo un éxito, todos aprendemos moito, de física, de química, e das cousas importantes da vida. Quedaron todos tan contentos, que os nenos ofreceron como agasallo de despedida aos seus novos  profes a representación do clásico do cole: "A Lebre e a Tartaruga".

jueves, 21 de noviembre de 2013

MAGOSTO 2013

O venres 15 tivemos o magosto do colexio. Os pícaros fixeron un recipiente con dous compartimentos para levar as castañas e botar as cascas, e decorárono con motivos outonais, cantigas e poemiñas.
Houbo moitas castañas, o tempo foi suave e todo estaba moi rico. Jose e axudantes traballaron arreo para que todo estivese a punto. Foi un día de festa, e todos satisfeitos e co bandullo cheo.








Non chas quero, non chas quero,
castañas do teu magosto.
Non chas quero, non chas quero, 
que me cheiran ao chamosco!!!

lunes, 4 de noviembre de 2013

MEDO NO CORNIDE!!!

O mércores 30 de outubro, co motivo do tempo de Defuntos, o cole encheuse de morcegos, arañas, esqueletes, e ata Faustino se movía misteriosamente. Os nenos tallaron cabazas para axudar a facer o ambiente terrorífico. Jose, coa miña axuda, fixo esta montaxe para que todos nos divertíramos pasando un medo espantoso.
Mostrádelle aos vosos amigos e familia os sustos que levamos neste cole.


VISITA AO AQUARIUM

Xa que imos aprender moitas cousas sobre a auga, fixemos unha visita ao acuario da Coruña. Alí coñecemos de perto os seres vivos do medio acuático, peixes velenosos, peixes que nos dan substancias para facer menciñas, cabaliños de mar embarazados, ovos de tiburón, Gastón o tiburón que non quería comer...
 Pero o máis interesante foi un proxector esférico chamado oceanoesfera, no que vimos a cantidade de auga que hai no planeta Terra, a súa importancia para a vida, o clima, e o necesario que é conservar  estes ecosistemas.

Os nenos disfrutaron achegandose a toda esta vida submarina.



Agardamos seguir descubrindo moitas cousas asombrosas da auga...Non afoguedes!

martes, 8 de octubre de 2013

VISITA DE DUBI BAAMONDE AO COLE

O xoves 3 de outubro volveu visitar o cole, cando aínda moitas e moitos lembraban o seu paso por aquí hai máis de tres anos, Dubi Baamonde, todo un especialista da música tradicional galega e do jazz, profesor na Escola Municipal de Música da Coruña. Antes que nada, ensinounos outra maneira de achegarse á música: previamente a ter coñecementos técnicos, o máis importante é recoñecer o pulso dela en cada un de nós, e logo aprender a afinar o oído musical que todas e todos temos: despois diso é cando podemos aprender moito máis, sentindo o ritmo soando dentro de nós. Despois, tanto Dubi como Marcos, o titor de 5º e 6º este curso e profesor de música, falaron sobre o saxofón, que temos escoitado tantas veces, mais poucas visto en directo. Soubemos como fora inventado no seu día por Adolphe Sax, que lle deu o nome, cando quería encontrar un instrumento que soase a algo parecido como a mestura dunha frauta e unha trompeta, e de como grandes músicos do jazz o usaron moito tempo despois cunha mestría deslumbrante. Mais a cousa no quedou aí. Todos puidemos comprobar a sabedoría musical dos dous cando nos ensinaron de que partes estaba formado, e cando, despois diso, tocaron xuntos temas improvisados no momento, onde demostraron as súas habilidades artísticas: houbo un silencio xeneralizado mentres tocaban, como se o mundo parase para escoitar o latexo do seu propio corazón... Foi todo un honor contar coa visita de Dubi, coñecer en directo os segredos do saxofón e ver revoar no cole o misterio da beleza da música, tan fermoso como inexplicábel. Seguro que nos retumbarán os sons dentro durante moito tempo, verdade? Aquí quedan algunhas fotos, e non quero pasar a oportunidade para animarvos a que comentedes o que vos pareceu. Quen se anima?

viernes, 4 de octubre de 2013

ADIVIÑA

Aquí tedes unhas espectaculares fotos, que atopei nas miñas viaxes cando o meu labor de bibliotecario o permite.
 Ademáis de que vos gusten tanto coma min, espero que vos axuden a adiviñar cal vai ser o tema do próximo proxecto, no que todos nos imos mollar.
 Espero impaciente as vosas respostas e os vosos comentarios sobre estas abraiantes imaxes.

lunes, 30 de septiembre de 2013

PRIMEIRA SAÍDA Á BIBLIOTECA SAGRADA FAMILIA...QUE DIVERTIDO!!!

O xoves 26 os nenos e nenas do primeiro ciclo foron camiñando alegremente, disfrutando do tempo e coñecendo o seu barrio (o centro de saúde, o parque de Vioño, algunhas industrias moi coñecidas...), ata chegar á nosa biblioteca favorita, despois da nosa claro!

 Ao chegaren á biblioteca, escolleron os libros para a "hora de ler" que terán que coidar e compartir  durante este mes. Ademáis, Emma, a bibliotecaria, leulles un conto moi chulo "La gran fábrica de las palabras".
As profes quedaron moi contentas do comportamento dos nenos, así que volveremos todos o mes que ven.
Eu (Rato),  fun agochado nunha das mochilas, para que non me viran, e saquei estas fotos que agora todos podedes ver:



domingo, 29 de septiembre de 2013

VISITA DE BEATRIZ MACEDA E LAURA VELEIRO, AUTORAS DE "MAN, O ALEMÁN DE CAMELLE"

Este venres 27 de setembro pasaron por aquí as dúas autoras do libro Man, o alemán de Camelle: a escritora Beatriz Maceda Abeleira e a ilustradora Laura Veleiro. Ben, realmente, no caso de Beatriz, o máis correcto é dicir que volveu por esta casa súa, porque seguro que moitas e moitos de vós a lembrades cando fora profe de inglés hai uns anos.
As dúas falaron sobre o mítico Man (ou Manfred Gnädinger, que era o seu nome real), que residiu durante 40 anos na praia de Camelle, polas terras de Camariñas.
Contounos a historia da súa vida, de como chegou alí en maio de 1961, e de como ficou entre nós creando un auténtico museo ao aire libre onde, coas pedras e outros elementos que chegaban á praia, foi construindo o seu soño en forma de esculturas e outras formas artísticas.
Foi un heroe para Beatriz, e, desde logo, quedamos coa impresión de que non só o foi para ela... Mentres as súas palabras ían chegando como unha brisa do mar, Laura ensinounos as ilustracións que fixo para o libro, e, ao final, contounos como levou adiante o seu traballo para esta obra.
Este trasno que escribe estas liñas, empoleirado sobre o proxector, disfrutou ben da súa visita, e quedou con gañas de saber máis de Manfred, un alemán ben galego!!
Aquí quedan algunhas fotos, e, desde logo, os meus parabéns para Beatriz e Laura!!!

E como había dúas persoas con moita sensibilidade para a ilustración, aquí quedan as súas obras (parabéns, Jose e Laura, e moitísimas grazas pola vosa humildade e a grande capacidade para crear que tendes!!)




miércoles, 18 de septiembre de 2013

NOVO CURSO... NOVA TRAVESÍA

Xa comezou o novo curso! E xa estamos todos aquí, os peques, que cada vez son máis grandes, os novos pequerrechos que estrean o cole, novos profes ,os vellos profes de sempre... desde o meu curruncho vexo toda a actividade destes primeiros días.
 A primeira actividade foi un mural no que todos os nenos se debuxaron, dun xeito que tivera relación coa auga.
Tamén tivemos a primeira lectura dun conto, coa que aprendimos o que é  ser amigos.

 E os nenos de segundo ciclo nos fixeron a representación da  fábula da lebre e a tartaruga, que tanto éxito tivo o curso pasado.
Xa vedes que o novo curso está en marcha, a maquinaria comeza a carburar, a travesía se inicia con toda a tripulación preparada,  e eu cavilando cantas viaxes máxicas nos agardan.
Tripulación aos seus postos!
A toda vela!