mércores, 5 de decembro de 2007

Unha chea de Nadais - Portugal.

Fátima, a nai de Bruno, veu hoxe falarnos do Natal, que é o nome do Nadal en portugués. Ela falounos das tradicións da súa zona, o norte do país.
Contounos que as datas máis importantes son, sen dúbida, o 24 e 25 de decembro. A xente celébraas moito máis que o fin de ano.
Na tarde do 24 comézase a cociñar moi cedo, porque a cea é abundante e empeza sobre as sete ou oito.O prato tradicional leva bacalhau con batatas, ovos cozidos, couves galegas... tamén polvo cozido. Os postres son caseiros e numerosos: aletria, rabanadas, arroz doce... Ao día seguinte o xantar faise elaborando unha roupa vella cos restos da noite anterior.
Ás doce da noite moita xente acude á missa do galo. A partir desa hora é o momento en que os pequechos poden abrir os seus agasallos, que chegan ás casas da man de Papá Noel ou do neno Xesús.

martes, 4 de decembro de 2007

Unha chea de Nadais- Ecuador.

A nosa é unha escola pequena, pero cunha grande riqueza: está chea de cores, terras, tradicións diferentes. Ademais do noso país, nela están representados Perú, Uruguai, Arxentina, Cuba, Colombia, Ecuador, Brasil, Guinea, Rumanía, China e Portugal.
Agora que chega o Nadal quixemos coñecer os distintos xeitos de celebralo (ou non) de todos estes lugares. Hoxe, coa axuda de Araceli (que é a madriña de Liseth), comezamos por ECUADOR:
Os Reis Magos non chegan ata aló, pero si Papá Noel. No lugar de Ecuador onde vivía Liseth, Papá Noel non leva os xoguetes ás casas, senon que os entrega nas escolas nas vísperas de Nadal. É alí onde os reciben os nenos e nenas.
Araceli contounos tamén que na Noitevella, as xentes bótanse á rúa a celebrar xuntos a entrada do ano. Alí, queiman bonecos que fixeran con trapos e que no seu recheo levan papeis, onde as persoas anotan as cousas malas que viviron no ano e que queren esquecer. Ese boneco chámase Añoviejo.



venres, 30 de novembro de 2007

Comezan a animarse de novo!

Os nenos e nenas de Infantil disfrutan de novo duns Contadores moi especiais. Os seus pais e nais empezan a sentarse no Trono para ofrecerlles historias. Neste curso, o primeiro en facelo foi o pai de Alba... claro que, dentro do pouco serán os nenos os que lean para os seus pais... Mirade Adrián que ben o fai xa!


xoves, 29 de novembro de 2007

Querida Biblio.

Ás veces, nunha garda de tarde, pódese ter o privilexio de asistir a momentos como os que amosan estas dúas fotos:
Mentres mamá ou papá están reunidos cos outros membros da ANPA, os pequechos entran na Biblio a ler xuntos...
... Á Biblio veñen tamén algúnhas nostálxicas, a rememorar días de primaria.


luns, 26 de novembro de 2007

Contos compartidos

Velaí algunhas historias, cheas de amizade e colaboración, que levamos compartido nas sesións de conto dos venres.



venres, 9 de novembro de 2007

Traballando con Goya en Entrambos.

Nestas imaxes podedes ver a actividade que se xenerou na escola ao recibir a miña invitación para o Museo: coñecimos a figura de Don Francisco de Goya y Lucientes a través dun dos seus descendentes; observamos cinco das súas obras; reconstruímos unhas reproducións que apareceron rompidas; aprendimos pintura seguindo os bocetos do artista... e mesmo houbo quen se convertiu en personaxe dalgún dos seus cadros!
Encántame convidar a estes nenos e nenas! RATO.


mércores, 24 de outubro de 2007

O Rato fai "gatadas"

Xa estamos afeitos!!

Este Rato noso sempre anda a facer das súas. Onte deixou esta mensaxe nunha aula de infantil.

Non nos sorprende que nos convide a unha visita imaxinaria ao Museo. Xa fomos noutras ocasións a coñecer a algún pintor. Pero, desta vez esqueceu escribir na entrada o nome do artista. Menos mal que os rapaces de 5º e 6º foron quen de averigualo, acudindo á Biblio e buscando información.

Non foi asunto sinxelo: primeiro houbo que decidir onde e como buscar, xa que non sabíamos tampouco os títulos dos cadros. Lográmolo!! Agora sabemos que o xoves coñeceremos a... GOYA!.