Biblioteca escolar José Cornide Saavedra - A Coruña

martes, 24 de marzo de 2009

Coa luz doutras olladas.


Hoxe vimos de novo a Torre, pero dun xeito moi diferente.
Quixemos vela coa ollada doutras persoas que cos seus lapis, pinceis...mesmo coas súas cámaras, un día miraron cara ela e víronna de mil maneiras.
Por iso aproveitamos a exposición temporal que nestes meses ofrece o Museo de Belas Artes e fixemos unha visita. Recoñecimos varias das obras alí expostas e gustounos moito atopalas fronte aos nosos ollos e poder dicir... Lugrís!!... Peteiro!!...Miguelanxo Prado...!!!
Aquí abaixo quedan algunhas das que vimos. Sodes quen de atopar, por exemplo, as deles tres?

lunes, 23 de marzo de 2009

Esa torre que nos alumea.

Neste proxecto de Aluméame, todas e todos recibimos do Rato un caderniño que leva por título Aluméanos e que andamos a encher con todo canto aprendemos sobre ese noso faro milenario. Por iso, ademais de ler e escoitar a historia e lendas da Torre, o mércores pasado estivemos nela.
Vimos moitas cousas, escoitamos as explicacións das guías e aportamos as nosas (que quen máis e quen menos, iamos moi sabidiños no tema) e mentres os pequechos sinalaban mundos desde a rosa dos ventos, os de primaria subimos ao máis alto. Alí arriba, coa axuda das ganas e da néboa que todo o pode, conseguimos ver Irlanda, como un día fixera Ith.

martes, 17 de marzo de 2009

Contamos coa luz.

A luz tan presente neste tema de Aluméame, permítenos facer moitas cousas: sabemos que hai luces amigas na noite, que escorrentan os medos, que guían aos mariñeiros...
Hoxe aprendimos que tamén hai luces que axudan a contar. Os maiores do cole fixeron para todos unha narración e amosáronnos os segredos do teatriño de sombras. Por se esto fora pouco...contaron en inglés!!
Logo, algúns pequenos probaron tamén a facelo. Gustounos moitísimo. Canta maxia agacha a luz!!






lunes, 9 de marzo de 2009

Nós levamos o seu nome...

Sei de boa tinta que, dentro do proxecto Aluméame, no que andamos a traballar, hai un apartado sobre José Cornide, figura que garda moita relación coa torre de Hércules e que dá nome a esta nosa escola.
Como sei que imos precisar información... aí vai un enlace para irmos comezando a investigar.

viernes, 6 de marzo de 2009

Mateus comeza un poema.


Amigas e amigos:
Como sabedes, os trasnos sómosvos un pouco argalleiros, e sempre se nos dá por andar en compaña dos esquíos e as curuxas, mestres en buscar sempre cousas novas onde parece que non as hai e en deixar un pouso de sabedoría en cada palabra, ou máis ben ouleo, nomeadamente ás noites. Características estas que tamén se poden aplicar ás artes, como ben sabía o admirado Luís Seoane, home a quen a luz que viña da Torre de Hércules lle viña contar segredos e descubrir maravillas mesmo en América, onde, contra a súa vontade, tivo que pasar ben anos.


Pois ben, unha das grandes paixóns da súa vida, como xa vos terán contado, era a poesía.
E, digo eu: que vos parece se facemos un poema cada semana entre todos? Eu son dos que pensa que cada quen ten algo ben grande e fermoso que dicir, colaborando nunha creación colectiva: cada un vai facendo un verso, poñémolo aquí, na nosa biblio, e logo segue outro ou outra continuándoo co que mellor lle pareza. Así, aos poucos, faremos algo que pertencerá a todo o mundo.
Isto facémolo moito nos bosques, e non deixamos de seguir aprendendo con cada verso, porque a realidade é tan grande e fermosa como nós queiramos...

Que vos parece se o primeiro poema llo dedicamos a unha Torre?
Aquí vai un primeiro verso:

“HAI UNHA TORRE OCULTA ENTRE AS MANS”

Quen queira seguir pode poñer o segundo verso, e seguirmos asi até que sintamos que rematou (este poema, claro, despois virán os que nos apetecer). Propoño que participen nenos, profesores, pais e nais, e, como non, o meu grande amigo Joaquín. E tamén ti, que estás a ver isto ao pasares polo blog...

(P. D.: se queredes non ten por que levar rima. A única regra é a Liberdade e seguir a vosa sábia intuición).