luns, 5 de decembro de 2011

UNHA CIENTÍFICA... ÁNGELES CID





O venres 2, visitounos unha muller cun traballo  moi interesante. É bióloga e profesora na universidade .
 E temos que dicir que é unha gran ensinante, porque a súa explicación foi a un tempo divertida e instructiva, e deixounos con gañas de saber moito máis.
Falounos dos microbios, que é a súa especialidade, e tróuxonos mostras dos cultivos cos que investiga,  e para rematar, leunos un conto moi especial: o seu autor é un premio Nobel, que lle contaba desta maneira ao seu fillo como son os microbios.
E foi tan estupenda con nós que nos regalou o libro e algúns cultivos para que os miremospolo microscopio.




 ALGÚN DESTES NENOS SERÁN CIENTÍFICOS  E ATA TEREMOS ALGÚN PREMIO NOBEL
(palabra de Rato)




luns, 28 de novembro de 2011

TRABALLANDO CON ROSALÍA...

Estou abraiado vendo con que entusiasmo están os nenos do colexio aprendendo cousas de Rosalía de Castro.

O venres 25, a rapazada de 1º ciclo deu unha clase maxistral, explicando a vida da nosa autora máis querida e recitando algunha das súas poesías.

Nesta foto podedes ver aos artistas co cartel que anunciaba a súa actuación, e o orgullosos que quedaron cos aplausos recibidos.


E tamén os de 3º ciclo , decidiron facer de poetas, e crearon entre todos unha poesía adicada a Rosalía que escribiron no seu caderniño Feminino Singular.

Aquí vola deixo para que disfrutedes dela:


A ROSALÍA DE CASTRO

Tan delicada como unha rosa,
en Santiago floreciches;
as campás choraron,
cando en Padrón morriches.
 
Anos felices,
con Murguía viviches,
e cinco fillos con risas,
encheron os teus días.
 
Galicia na túa mirada,
as xentes na túa alma,
sempre loitando
máis o corazón chorando.
 
A negra sombra que nunca se foi,
contigo estivo ata o final,
enchendo de soidades e tristura,
a túa alma inmortal.

Alumnado do 3º ciclo

xoves, 24 de novembro de 2011

Visita de Xiana de la Peña

Amigas e amigos:
O pasado venres 18 de novembro estiven agochado detrás do proxector para ver as fotos que nos ensinou unha amiguiña do Rato, Xiana de la Peña. A verdade é que quedei ben contento de estar alí, porque o Rato xa me comentara que a coñecera na Biblioteca do Fórum Metropolitano, onde traballa. É ben lindo saber que unha rapaza como ela é capaz de facer o que máis lle gusta, tanto a fotografía como a música, e, ao tempo, ter sido capaz de conseguir, tras moito esforzo, traballar no que sempre quixo, entre libros e soños, para que todos nós poidamos disfrutar do seu saber e da súa arte. Un pracer escoitarte e ver as túas fotos, Xiana!! Se queredes ver grande parte das súas obras, aquí as tedes.

luns, 21 de novembro de 2011

UNHA GALEGA UNIVERSAL: EMILIA PARDO BAZÁN



Picade no nome para saber moito máis de Emilia Pardo Bazán

Para que coñezades mellor e poder valorar o que representa na cultura e na literatura unha muller adiantada no seu tempo, feminista, progresista, coruñesa...amiga das máis importantes personalidades da súa época, aquí vos deixo un vídeo feito por uns rapaces falando dela.




mércores, 9 de novembro de 2011

UNHA EIRUGA MOI LARPEIRA...E VIAXEIRA!




O venres 4 tivemos unha sesión do conto moi especial.

 Aproveitando que temos unhas rapazas alemanas que viñeron a estar con nós e aprender cousas de aquí, eleximos con elas un libro que é moi coñecido en todo o mundo e lido en moitísimos idiomas.

O autor é o noso vello amigo Eric Carle e a historia trata dunha fémina que ten moita fame e lle acontece algo moi fermoso. Así que o escoitamos en galego, inglés e alemán, coa axuda das nosas amigas alemanas Katharina, Lisa e Laura.

De regalo, déixovos un vídeo que resume o conto coas imaxes orixinais do autor.

martes, 8 de novembro de 2011

Maruja Mallo

Amigas e amigos:
Unha das grandes mulleres do pasado século XX foi Maruja Mallo, que se elevou sobre todos os prexuízos que existían sobre a muller, e foi capaz de facer unha obra artística de grande nivel. Ainda que viviu 93 anos, nunca deixou de soñar e ser unha pequena nena grande, cos ollos sempre atentos a todo o que a rodeaba, o que non deixa de ser unha das mellores cousas que todas e todos vós debedes facer sempre, teñades a idade que teñades, non vos parece? Aquí vos deixo este vídeo con moitas das súas obras, para que disfrutedes ben dela:

mércores, 2 de novembro de 2011

MULLERES QUE METEN MEDO!


O venres 28 foi o día de pasar medo. Cando os nenos chegaron á escola, o vestíbulo estaba terrorífico. O escenario cheo de cabazas-mulleres cun aspecto aterrador, na pantalla imaxes arrepiantes, lóstregos, tronos, morcegos e esqueletos,e escoitábase unha música que poñía os pelos de punta.
E ata Faustino, o nosos esqueleto, puxo unha perruca e quixo participar na festa de Difuntos, o Samaín.
Aquí vos deixo as imaxes dese día e dos seus preparativos.