martes, 16 de novembro de 2010

Mateus propón un xogo.


Meus benqueridos amigos:
O Rato leva contándome desde hai semanas que está impresionado por todo o que estades aprendendo, e contoume tamén das aves e paxaros que andan poboando a vosa imaxinación, como nos pasa a todos os que os admiramos pola súa arte e sabedoría voadora.

E, penso eu, que vos parece se nos contamos todos como faríamos nós, os que andamos por terra e só somos capaces de dar uns saltos ben pequenos, para voar? Así, ao mellor ainda sacamos unhas boas ideas, ou, como mínimo, pasaremos un bon momento dándolle á cabeciña...

Mirade
,
eu faría un traxe con todos os meus mellores recordos: iría meténdoos en cada peza de roupa, con delicadeza para que non se perdan e poidan conservarse coa súa beleza intacta. Despois diso, poríao por riba, e comezaría a pensar en todo o que sentín en cada un deses momentos, respiraría profunda e tranquilamente, e, nese momento, cando non soubese se as miñas pernas están sobre a terra ou dando voltas polas lembranzas maravilladas, sería cando iniciase unha carreira cara o horizonte, sen nada máis que as gañas de voar e estar cos meus mellores amigos…

E vós, como faríades?

Debuxando paxaros

O xoves pasado compartimos unha sesión de arte, nesta ocasión dedicada ao debuxo.
Tentando imitar os fermosos cadernos de campo, saímos ao vestíbulo dispostos a aprender unha técnica para debuxar paxaros.
Agora estamos a colorear... con lapis de cores, por suposto.



luns, 8 de novembro de 2010

Somos quen de VOAR!

O venres pasado saín do meu burato para contemplar un espectáculo marabilloso.

No escenario, unha alfombra máxica.
Sobre ela, grupos de nenas e nenos que...conseguiron VOAR!!










Como facelo? É doado:
Pechando os ollos, acendendo a imaxinación... e cun pouquiño de axuda eléctrica e manual!



xoves, 4 de novembro de 2010

Aves de conto.

O mesmo que fixeramos hai uns días cos libros divulgativos sobre paxaros, presentamos hoxe unha selección de aves de conto.

Son libros de ficción que viven nos andeis da nosa Biblio e que estamos a ler nestas semanas. No caso dos libros de poesía... hai tantos neste proxecto, que mellor facer unha escolma só con eles!

xoves, 28 de outubro de 2010

De cabazas, medo e paxaros.

Quedan aquí algunhas imaxes que vin hoxe na escola, cando deixei o meu Burato da Biblio, para estarricar os bigotes.

Atopei o vestíbulo cheo de vida:
. No escenario, paxaros de mil formas e materiais, que foron chegando das casas.

. Nunha mesa, cabazas propias da época, enchéndose de plumas, peteiros, mesmo de paxaros enteiros.

. Ao pé dela, libros que están a ser lidos nas aulas, de Infantil aos maiores. Historias que falan do medo... ou que dá medo escoitar: Un pesadelo no meu armario, O Papón, Barbazul, Cando petan na porta pola noite...

E mañán, en vísperas de Difuntos... Qué pasará?


martes, 26 de outubro de 2010

Na hora do conto, o venres pasado.


Aí os tedes!

Cando tiñan seis anos, recibiron de mans dos seus daquela compañeiros maiores, un libro xigante (feito como actividade plástica)a partir do de Doumerc e Barnes.Eles usárono para contar no escenario e despois, gardámolo na Biblio.Estabamos traballando cun proxecto arredor das cores e Federico era un personaxe axeitado para o tema.

Agora, cando son eles os maiores, cóntano de novo. Federico é outra vez un personaxe axeitado para o tema das aves e foi o conto compartido do venres pasado.

Contadores e público estiveron encantados!(... e eu tamén)





mércores, 20 de outubro de 2010

Un agasallo do Rato.





O Rato deixou hoxe un agasallo para cada un de nós: temos un caderno de ornitoloxía!
Nel imos debuxar, pegar, escribir algunhas das cousas que estamos a aprender sobre paxaros: como son, como nacen, algúns costumes, o estudio dun paxaro especial, aves de lonxe e de preto...
Quedan aquí imaxes das súas doble-páxinas.
Trae tamén unha selección dos libros da nosa Biblio cos que imos traballar.