Biblioteca escolar José Cornide Saavedra - A Coruña

martes, 8 de octubre de 2013

VISITA DE DUBI BAAMONDE AO COLE

O xoves 3 de outubro volveu visitar o cole, cando aínda moitas e moitos lembraban o seu paso por aquí hai máis de tres anos, Dubi Baamonde, todo un especialista da música tradicional galega e do jazz, profesor na Escola Municipal de Música da Coruña. Antes que nada, ensinounos outra maneira de achegarse á música: previamente a ter coñecementos técnicos, o máis importante é recoñecer o pulso dela en cada un de nós, e logo aprender a afinar o oído musical que todas e todos temos: despois diso é cando podemos aprender moito máis, sentindo o ritmo soando dentro de nós. Despois, tanto Dubi como Marcos, o titor de 5º e 6º este curso e profesor de música, falaron sobre o saxofón, que temos escoitado tantas veces, mais poucas visto en directo. Soubemos como fora inventado no seu día por Adolphe Sax, que lle deu o nome, cando quería encontrar un instrumento que soase a algo parecido como a mestura dunha frauta e unha trompeta, e de como grandes músicos do jazz o usaron moito tempo despois cunha mestría deslumbrante. Mais a cousa no quedou aí. Todos puidemos comprobar a sabedoría musical dos dous cando nos ensinaron de que partes estaba formado, e cando, despois diso, tocaron xuntos temas improvisados no momento, onde demostraron as súas habilidades artísticas: houbo un silencio xeneralizado mentres tocaban, como se o mundo parase para escoitar o latexo do seu propio corazón... Foi todo un honor contar coa visita de Dubi, coñecer en directo os segredos do saxofón e ver revoar no cole o misterio da beleza da música, tan fermoso como inexplicábel. Seguro que nos retumbarán os sons dentro durante moito tempo, verdade? Aquí quedan algunhas fotos, e non quero pasar a oportunidade para animarvos a que comentedes o que vos pareceu. Quen se anima?

viernes, 4 de octubre de 2013

ADIVIÑA

Aquí tedes unhas espectaculares fotos, que atopei nas miñas viaxes cando o meu labor de bibliotecario o permite.
 Ademáis de que vos gusten tanto coma min, espero que vos axuden a adiviñar cal vai ser o tema do próximo proxecto, no que todos nos imos mollar.
 Espero impaciente as vosas respostas e os vosos comentarios sobre estas abraiantes imaxes.